A noz moscada é o froito dun xénero de árbores perennifolios da familia das Myristicaceae, especialmente do xénero Myristica, procedente das Illas das Especias (na actualidade as Illas Molucas en Indonesia). A noz é, en realidade, a semente da árbore, de forma lixeiramente ovoide, entre 20–30 mm de longo e 15-18 de ancho. Esta semente está cuberta por unha especie de cortiza seca tramada de cor avermellada denominada macis. Tamén se comercializan outros produtos derivados destas árbores, como os aceites esenciais extraídos das oleoresinas e a manteiga de noz. O froito comercializado máis importante é a noz moscada da mirística, tamén chamada árbore da noz moscada, Myristica fragans, oriúnda das Illas Banda en Indonesia; tamén se cultiva no Caribe, en especial en Granada. Outras especies son a noz moscada papúa Myristica argentea, de Nova Guinea e a noz Bombai Myristica malabarica, da India. Ambas se usan como sucedáneos dos produtos de M. fragans.
Developed by StudentB